segunda-feira, 26 de maio de 2008

Cuestión de bandullo

Coincidindo co remate do que se chamou “movida de Vigo”, aconteceu que o ex -alcalde desta cidade (Manuel Soto) e o presidente da comunidade de Madrid (Joaquín Leguina) montaron un teatrillo coa finalidade de apropiárense daquelo que levaba acontecendo durante máis dun lustro nas súas cidades. Pouco ou nada tiveran que ver os respectivos consistorios cun estourido xeracional que mudaría as formas e o fondo da actividade cultural no Estado. Aínda así, aqueles pesoístas tentaron á desesperada que a xente vencellara o feito cunha actividade política, nun claro propósito de procurar os devecidos réditos electorais.
Así naceu a campaña “Madrid se escribe con V de Vigo” que consistiu basicamente nunha pegada de cartaces xigantesca na capital do Imperio; un tren Madrid-Vigo con coche-bar a pleno rendimento para os músicos, pintores e demais que ían nel (onde Leguina e Soto tamén celebraron o pifostio montado) e unha ruta etílico-turística de fin de semana pola cidade olívica. Todo iso engalanado con exposicións e un macroconcerto onde os artistas amosaban as súas xa alcoholizadas mañas.
Como dixen nun principio, todo respostaba a unha estratexia sociopolítica onde poder trocar divertimento por votos. O que realmente importaba era esa parafernalia envolvente e non a programación cultural, que simplemente servía como escusa para a organización do evento. En definitiva, unha campaña publicitaria das cidades e a tentativa de consagración de dous políticos que lles fora moi ben coa chamada xeración da litrona e do canuto. Se non fose así, entón teríamos que dar a razón a aquela oposición rancia de Alianza Popular que puxera o berro no ceo pola ineficiencia dun concello que caera no despilfarro para dar de beber ata a saciedade a unha panda de perdidiños (pero… nos seus postulados tan católicos non estaba iso de dar de beber ao sediento?).
Como explica Julián Hernández no documental “Periféricos”, aquela iniciativa fixo que Vigo saíra ata na sopa e, realmente, foi máis barato e efectivo que poñer anuncios na televisión… a misión publicitaria estaba cumplida. No que si fallaron foi en pensar que a xente lles avalaría despois electoralmente, que non saberían distinguir o que era o dereito a unha programación sociocultural dun chisque de ollo feito por un alcalde con afán de protagonismo. Ao non haber réditos electorais, non houbo máis movida e menos aínda irmanamento entre as respectivas de Madrid e Vigo (aínda que, realmente, non había maiores diferenzas entre unha e outra). A proba está en que, se ben nun principio tiñan pensado un partido de volta na casa do oso e do madroño, finalmente o tren descarrilou definitivamente ás beiras do Atlántico.
Deixando atrás o apunte político-municipal, falarei de dúas anécdotas acontecidas naquel engrello de glamour popularizante. Seguramente, a máis coñecida é a taza de café que voou no xantar de artistas que se fixera no parque de Castrelos. Unha rapaza sufríu na súa testa a cólera dun McNamara trasnoitado cunha embriaguez de varios días atrás. Moitas voces apuntaron a que a incapacidade de mercar heroína fixo que o showman madrileño perdese os nervos e se lle dera por facer aquel desaguisado… pero, se cadra, a historia non foi tan épica. Aquela taza non era unha bala perdida ao vento, tiña como diana a faciana de Manuel Soto. Para sorte do alcalde, a traxectoria do proxectil veuse interrumpida polo infortunio dunha moza que se interpuxo no seu camiño. E digo eu… despois de tres días de festa institucional e tendo a escasos metros a un político enchido de fachenda por algo totalmente alleo a el, por que ten que haber unha razón tan burda como a heroína para explicar o acontecido? A min paréceme máis unha causa-efecto que, de seguro, pasoulle polo maxín a máis dun naquel xantar (quen estea libre de pecado, que tire a primeira pedra… ou a primeira taza).
A segunda historia a contar nestas liñas ten que ver cun showman da casa, Antón Reixa. Os Resentidos non foran convidados á orxía político-festiva, pero si se contratou unha sátira de “El Barbero de Sevilla” que levaba o carismático artista multimedia. A obra de teatro chamábase “After Shave” e remataba con Reixa vestido de toureiro e cunha inundación de escuma (a modo de escuma de barbear) a cargo dos bombeiros. Acorde cos excesos da época, non deberon medir ben a cantidade do fluído porque chegaron a inundar as primeiras ringleiras do público, pero o caso é que Antón Reixa tiña que saír escopetado cara a Catalunya para actuar cos Resentidos e tiña un taxista agardando por el nas portas do auditorio para levalo ao aeroporto de Lavacolla. A faciana daquel pobre home cando veu entrar a un tipo vestido de toureiro e enxoito en escuma debeu ser un poema… se cadra un shock, porque comezou a falar co seu vehículo pregándolle que fora máis e máis rápido.
Logo do avión, Os Resentidos tiveron a actuación máis multitudinaria da súa historia: nas festas da Merced en Barcelona diante de máis de 160.000 persoas, onde acadaron unhas críticas espectaculares nos xornais do día seguinte. Á fin e ao cabo, se de organizar eventos se trata, os galegos sempre fumos máis enxebres, de beber e comer con café (en taza, abofé) e copa na sobremesa. As macro-ostias cheiran máis a cocido madrileño e butifarra catalana.

segunda-feira, 12 de maio de 2008

O ordenador galego

Siniestro Total deu o salto ao mundo das multinacionais logo de ter acadado o disco de ouro co traballo “En beneficio de todos” (1990). A nova aventura levounos ata Memphis, onde gravaron co productor Joe Hardy por primeira vez no “Made in Japan” (1993). A partires daquí, Joe pasou a ser un novo membro na banda viguesa.
Co Atlántico polo medio, é doado atopar certa diferenza entre as costumes estadounidenses e galegas. Por exemplo, eles non se poñen a falar todos á vez cando están en grupo… pero nós si. O problema é que eles teñen da súa parte a tecnoloxía e iso dá moito poder.
Durante a gravación, debatiuse a opción de incluir ou non unha guitarra en certa parte dunha canción. Cando Hardy lanzou a pregunta, os de Siniestro comezaron a montar ese balbordo made in Galiza de “si/non… porque tal e porque cual”. Na desesperación do productor por non atopar certa orde á hora de clarexar a cuestión, colleu a Julián Hernández por banda e buscou a resposta… vai ou non vai? Julián contestoulle cunha frase moi daquí: “pode que si e pode que non”.
Joe Hardy aí fixo valer o papel hexemónico da tecnoloxía ianqui. Sinalou para o ordenador e dixo: "este aparello funciona por bits, con 0 e 1, que son SI ou NON. O día que se faga un ordenador galego se cadra poderemos incluir un QUIZÁ, pero polo dagora hai que decidir".

terça-feira, 6 de maio de 2008

Galiza rock

Unha das primeiras premisas que tíñamos nos comezos de Komunikando (2006) era unha pequena loita na contra do folk. Non porque non nos gustara nin por outras conspiranoias, senón porque pensabamos que durante o fraguismo foi a única música que atopou un altofalante nos medios en detrimento de outras vertintes musicais. Non queríamos facer propaganda na contra do folk pero si que os outros estilos tiveran unha trescendencia mediática semellante.
Pouco despois desa epifanía, fun convidado a facer unha breve entrevista para un programa da TVG chamado "Luba_tv" (xa desaparecido). O programa gravábase na productora Faro (Vigo) e daquela eu vivía en Compostela, así que lles dixen que eu iría sempre que me atoparan un transporte. Así foi, Carlos Regueira (productor) deume o teléfono dun tal Manolo. Chameino e quedamos tal día a tal hora, datos que non lembro. Aí aparecín e, ao mirar dentro do coche, vin que ese Manolo era o guitarrista de Milladoiro. Quedei un chisco xélido porque, ao pactar a temática da entrevista con Carlos Regueira, faláramos dese pequeno resquemor cara ao folk e as súas subvencións. Pensei que a miña viaxe remataría no fondo do Ulla logo de morrer aforcado cunha corda de arpa. Comezamos o noso camiño cara a Vigo e todo mudou... Manolo era un rockeiro!
Galiza é unha terra de rock, digan o que digan as gaitas e pandeiros. Dende os anos 60 tivemos rock máis ou menos de seguido. A música celta chegou a finais dos 70 e as agrupacións de música tradicional estiveron vencelladas moito tempo á sección feminina da falanxe, por iso os cantautores de Voces Ceibes renegaran do tradicionalismo folclórico-musical a finais dos 60. Con todos os meus respectos a esa chea de músicos, a nova música cultural galega soa en clave de rock.

segunda-feira, 28 de abril de 2008

Atentado con Goma 2 nunha nave industrial de Portonovo

Fágovos unha pregunta: cando se data o primeiro grupo de Rock Bravú? Moito/as diredes que a mediados dos noventa, a principios da mesma década ou incluso a finais dos oitenta (se é que nos poñemos a contar dende o nacemento dos grupos bandeira do "movemento": Os Diplomáticos de Monte-Alto e Rastreros).
Para contestar esta pregunta deberíamos definir primeiro que é iso do Rock Bravú. Non me vou poñer a contar todo o que rodeou á inauguración desta etiqueta, xa que se escribiron ríos de tinta sobre o tema e incluso eu mesmo fixen unha reportaxe que podedes atopar no nº13 do Kalaikia (suplemeto cultural da cabeceira A Peneira). Só resumirei os seus trazos clave: rock cantado en galego, co seu epicentro no rural e cun achegamento á nosa música tradicional.
Dato cronolóxico: o Rock Bravú foi acuñado en novembro do 94 no xa sonado Manifesto de Viana... case vinte anos após do seu verdadeiro nacemento en fondo e forma. Porque os inventores do bravú, tal e como reivindicou o propio Xurxo Souto (ideólogo bravú), foi un grupo de Portonovo chamado Goma 2. Formación que gravou o primeiro disco de rock cantado en galego no 78 (aínda que por pouco, xa que uns meses despois editaríase o LP de N.H.U.) e que rexistrou por primeira vez unha gaita en clave de rock. Entre os seus concertos máis sonados están os dous que fixeron xunto a Triana e outro con Miguel Rios. Pero antes de chegar aos palcos e ao estudo de gravación, dende logo que hai un proceso de ensaio.
Hai que ser ben teimudo para ter un grupo, teimudo ata dicir basta, teimudo con denominación de orixe... abandoar o rego da adolescencia para pecharse nun local de ensaio, renunciar á túa primeira moto para mercar un instrumento, deixar de saír polas noites para pagar os ensaios, vender os teus enseres para gravar a primeira maqueta, perder cartos para ter os primeiros concertos... hai que ser ben teimudo! Os de Goma 2 non eran menos e para ensaiar facían caixas de peixe nunha nave industrial de Portonovo (xusto onde ensaiaban), a dúas pesetas por unidade oia! barato, barato! Imaxinade o que lles custou mercar a súa primeira batería, que valeu 25.000 ptas. Unha nova dimensión de explotación cultural.
Bravús en forma e fondo, sen dúbida. Dende alí estourou a Goma 2 con cheirume a peixe para logo seren coñecidos polo seu "Rock do Galiñeiro"... grupo armado da nosa economía agropecuaria a forza de guitarra eléctrica. Pero ser tan explosivo ás veces che curta a onda expansiva. Recén editado o disco, tiveron a oportunidade de saíren no programa televisivo "Aplauso" e foron desbotados porque o seu nome poderíase interpretar como apoloxía do terrorismo. 1978-2008, trinta anos dende o nacemento Bravú.

quarta-feira, 23 de abril de 2008

Crónica dun concerto anunciado

Skárnio tardou cinco anos en editar novo disco. Tanto tardou que, o sábado 19 de abril, a sala La Iguana (Vigo) encheuse dun salto xeracional para ver a estrea en directo de "O Nosso Caminho".
A forza de tocar en Vigo incontábeis veces, xa máis ou menos facíaste con todas as facianas que bailaban nas primeiras ringleiras. Esta vez foi diferente. O recambio xeracional estaba aí e o anonimato volvía a ser a careta daquela xente suorosa, dunha media de 20 anos, que cantou o concerto de principio a fin.
O día anterior estiven con Manuel, batería e único integrante orixinal da banda, bebendo algo no bar Trincheira. Contábame que estaba nervoso, que había varios concertos de público semellante e que non contaba con moita asistencia... alarmista!! Cheguei a La Iguana uns minutos antes da actuación para saudar aos meus ex-compañeiros e aínda amigos. A cola que me atopei daba medo! Entrei pola porta de camerinos (algo de morro sempre se conserva), botei unha ollada ao ambiente que había dentro e as dúbidas de público tornáronse en dúbidas de aforo... a sala ía reventar!
Ao redor das 00:45 saíu a banda ao palco e, logo dunha intro e dunha lembranza para o/as preso/as independentistas galego/as, arrancaron co repertorio. Enlazaron os catro primeiros temas e a xente o daba todo, estaban gozando e o grupo tamén. Caíu "Afunde-nos a mar" como primeiro tema do disco anterior "Arredista" e a xente axordeceu a voz de Paulo cos seus cantos. Pouco máis tarde subíu Almudena (Transilvanians) acompañando en "Venha, mais umha", canción que tamén gravou xunto a Juantxo (Skalariak). Toda unha oda á amizade que fai alzar o vaso nun brinde nostálxico: "Quero compartir hoje aquí contigo este copo por todo/as nós!".
Chegou o tema "Dias de Raiva", editado en varios compilatorios, e quen tíñamos unha cervexa na man quedamos sen ela por mor dun pogo que nos abaneou incontroladamente dun lado a outro do local. A calor tornouse inaturábel namentres Skárnio ametrallaba cun tema tras outro. Manuel, a tres temas da fin do concerto, tivo que facer un parón para refrescarse e tomar folgos. Logo deste descanso chegou a apoteose final. Unha versión skatalítica do "I will survive" de Gloria Gaynor deu paso a "Cantamos" para rematar o concerto e despedírense entre evidentes aplausos e berros de "Skárnio, Skárnio...".
Poucas oportunidades tiven de ver ao grupo dende abaixo do palco, xa que durante sete anos estiven compartindo a súa actividade e nin sequera sabía como soaban aqueles concertos. Pero este sábado os meus sentimentos cruzáronse entre o orgullo e a emoción. Unha forte aperta a todos!

sexta-feira, 18 de abril de 2008

O efecto fan... á galega

Hoxe estamos enxoitos de programas televisivos encamiñados a descubrir novos talentos, sexa no mundo da música ou non. Se cadra, o máis mediático sexa Operación Triunfo e con el recuperouse o chamado efecto fan.
Todo/as puidemos ver imaxes de adolescentes afogadas nas súas bagoas cando Bisbal rotaba sobre si mesmo e remataba cunha patada ao ar, cando Bustamante bicaba á rapazada ávida de autógrafos... (nótase que non son moi seguidor destes reallitys porque apenas coñezo algún nome máis parido do enxendro televisivo).
Hai pouco estiven con Javi Maneiro, ex-heredeiro da crus, nunha cervexaría de Culleredo onde tocaba co seu novo grupo Jabón Blue. Namentres decorría a nosa charla, varias veces achegábase algunha rapaza xeitosa a saudalo. Non existía ese efecto fan que de seguro fartou no seu periplo co seu antigo e exitoso grupo, mais ese arrecendo de admiración aínda enchían aqueles saúdos tabernarios mollados de cervexa.
Seguíu a nosa parolada particular e, nun deses achegamentos, apareceu unha rapaza cun paquetiño envolto en papel de aluminio. Aquela rapaza si que era unha fan, pero á galega... Lonxe de estourar nun salaio de emoción deulle dous bicos, entregoulle o misterioso agasallo e desexoulle sorte para o inminente concerto antes de voltar ao seu sitio. Escocíame a curiosidade de que agochaba aquel paquete prateado, ata que se descubriu o ofrecemento: un tupper cheo de morangos con nata!!!
Quen ben che quere non che vai deixar pasar fame, quen ben che quere deséxate co bandullo cheo e relambido... quen teña dúbidas que pense nas nais. Nada de bagoas, nada de adolescencia desbordante. Tan só un "boa sorte" e morangos con nata. Toda unha fan... á galega.

quinta-feira, 10 de abril de 2008

A guitarra de xoguete

Se cadra, o ano 66 fica moi lonxano da nosa memoria senil pero é unha data protagonista na nosa historia. Permitídeme que vos fale de Xoan Piñón, un médico reconvertido a fotógrafo pero músico de cabo a rabo. Seguramente a moito/as xa vos soará por ser un dos integrantes do grupo DOA, pero deixádeme que vos conte algo daquela década do seat 600.
Xoanciño era un rapaz que ficara envelenado de música desque un curmán seu, lutier e monfortino, agasallouno cun laúd. Estudaba no colexio Maristas de A Coruña e correu a se inserir na rondalla que tiñan os irmáns relixiosos. Namentres tocaba as pezas típicas dunha agrupación desas características, el debecía por rematar o ensaio para quedar un tempiño máis cuns rapaces mordidos tamén por esa semicorchea contaxiosa. Aquela que che leva ao rego do diaño e, na vez de dar salves a Deus, te excomulga baixo un "This is my generation". Alí soaban cancións dos Rolling, Beatles... pero Xoanciño aínda non podía acougar. Como berrar á nova xeración dende o seu laúde? Non, non... imposíbel!
Xoanciño só tiña trece anos pero o seu maxín corría máis que o tempo. O seguinte paso... Papá, quero ter unha guitarra eléctrica. Non pedía nada!! Unha guitarra eléctrica nunha cidade de provincias dos anos 60!! Onde atoparía ese trebello que tanto lle quitaba o sono? Os soños son imaxinación, a imaxinación é un xogo e os xogos adoitan ter xoguetes.
Camiñou pola rúa Real e alí, nun deses escaparates, víu unha guitarra Hofner eléctrica. Alzou os seus ollos acristalados de emoción e víu o letreiro de "Xoguetería"... manda truco!! Os soños son imaxinación, a imaxinación é un xogo e moitos deses xogos están nunha xoguetería.

sexta-feira, 4 de abril de 2008

Ola a tod@s

Por primeira vez na miña vida déuseme por abrir un blog. En principio, adicarei as letras que poda escribir aquí ao panorama musical en Galiza que, aínda que insuficiente na súa infraestrutura, ten todo un potencial de materia prima que exprotar. Se cadra, o único que falta é a implicación do/as galego/as a escoitarmos unha música que amosa unha realidade máis achegada a nós mesmo/as.
Na miña viaxe en Komunikando, unha das cousas que caíron entre mans foi encargarme de facer unha especie de manifesto. Nel apuntaba unha idea clave: a producción musical do país pasa polo recoñecemento da actividade do/as músico/as como un ben cultural, semellante ao traballo de pintores, escultores, escritores... Sigo a crer que a imaxe dun grupo musical non adoita a trascender máis aló das súas gañas de facer música. Pero de fondo hai algo inherente a todo ser humano que o/as artistas tentan elevar ao máximo expoñente: a comunicación bidireccional.
Certo é que unha persoa canta e outra escoita... tan certo coma que quen escoita se expresa cos seus sentimentos, ideas, críticas... Ese feedback, paradigma da comunicación, ten unha creva importante neste noso pequeno país. A comunicación fica interrupta no camiño. Falta esa conexión cos grupos que nos falan da nosa realidade. Porque esas bandas de punk, metal, ska, hardcore, hiphop... que enchen dunha banda sonora os nosos camiños fálannos case susurrando aos nosos oídos. Fálannos co achegamento que implica sufrir cando nos inzan de chapapote, de precariedade laboral, de éxodo da nosa mocidade, de silencio, de esquecemento... Achegamento que vén de sentir a nosa ledicia cando conseguimos cousas xunto/as, cando bailamos abrazado/as, cando berramos ao unísono...
Non somos un pobo especial pero si xente que temos máis que dicir... non por atinos nosos, senón porque a nosa voz tornou en afonía logo de ser apagada nunha furna de cristal. Non entonamos mellor que ninguén pero temos moito que cantar... non por sermos máis imaxinativos, senón porque o noso idioma foi ninguneado para non rachar ese conceito tan urbanita e centralista do rock estatal. Galiza is not diferent but Galiza is alive! Welcome to Galiza country!