segunda-feira, 28 de abril de 2008

Atentado con Goma 2 nunha nave industrial de Portonovo

Fágovos unha pregunta: cando se data o primeiro grupo de Rock Bravú? Moito/as diredes que a mediados dos noventa, a principios da mesma década ou incluso a finais dos oitenta (se é que nos poñemos a contar dende o nacemento dos grupos bandeira do "movemento": Os Diplomáticos de Monte-Alto e Rastreros).
Para contestar esta pregunta deberíamos definir primeiro que é iso do Rock Bravú. Non me vou poñer a contar todo o que rodeou á inauguración desta etiqueta, xa que se escribiron ríos de tinta sobre o tema e incluso eu mesmo fixen unha reportaxe que podedes atopar no nº13 do Kalaikia (suplemeto cultural da cabeceira A Peneira). Só resumirei os seus trazos clave: rock cantado en galego, co seu epicentro no rural e cun achegamento á nosa música tradicional.
Dato cronolóxico: o Rock Bravú foi acuñado en novembro do 94 no xa sonado Manifesto de Viana... case vinte anos após do seu verdadeiro nacemento en fondo e forma. Porque os inventores do bravú, tal e como reivindicou o propio Xurxo Souto (ideólogo bravú), foi un grupo de Portonovo chamado Goma 2. Formación que gravou o primeiro disco de rock cantado en galego no 78 (aínda que por pouco, xa que uns meses despois editaríase o LP de N.H.U.) e que rexistrou por primeira vez unha gaita en clave de rock. Entre os seus concertos máis sonados están os dous que fixeron xunto a Triana e outro con Miguel Rios. Pero antes de chegar aos palcos e ao estudo de gravación, dende logo que hai un proceso de ensaio.
Hai que ser ben teimudo para ter un grupo, teimudo ata dicir basta, teimudo con denominación de orixe... abandoar o rego da adolescencia para pecharse nun local de ensaio, renunciar á túa primeira moto para mercar un instrumento, deixar de saír polas noites para pagar os ensaios, vender os teus enseres para gravar a primeira maqueta, perder cartos para ter os primeiros concertos... hai que ser ben teimudo! Os de Goma 2 non eran menos e para ensaiar facían caixas de peixe nunha nave industrial de Portonovo (xusto onde ensaiaban), a dúas pesetas por unidade oia! barato, barato! Imaxinade o que lles custou mercar a súa primeira batería, que valeu 25.000 ptas. Unha nova dimensión de explotación cultural.
Bravús en forma e fondo, sen dúbida. Dende alí estourou a Goma 2 con cheirume a peixe para logo seren coñecidos polo seu "Rock do Galiñeiro"... grupo armado da nosa economía agropecuaria a forza de guitarra eléctrica. Pero ser tan explosivo ás veces che curta a onda expansiva. Recén editado o disco, tiveron a oportunidade de saíren no programa televisivo "Aplauso" e foron desbotados porque o seu nome poderíase interpretar como apoloxía do terrorismo. 1978-2008, trinta anos dende o nacemento Bravú.

Nenhum comentário: